Contidos

Benvidos e benvidas ó blog oficial do Proxecto “Mapas Divertidos”. Por aquí ides atopar todos os recursos xerados para os talleres destinados ó alumnado ensinanzas medias. Ademais, iremos pendurando información complementaria de interese para mergullarse no mundo da cartografía e da Xeografía.

Que son os Mapas Divertidos?

Mapas Divertidos é un proxecto de colaboración entre Tysgal e o Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela. O noso obxectivo é sinxelo: achegar a cartografía ós nosos mozos e mozas. E que é a cartografía? Segundo a Real Academia Galega, a cartografía é a “ciencia ou técnica de elaboración de cartas e planos xeográficos, mapas, etc.”.

Esta ciencia ou técnica ten unha linguaxe propia que iremos descubrindo pouco a pouco. O importante polo de agora é comprender o relevante que pode chegar a ser a información representada nun mapa e por que a Xeografía é a nosa gran aliada para mellorar o noso mundo.

A motivación do proxecto

Dende a Xeografía sabemos que a cartografía é unha ciencia (moi antiga, por certo) que nos permite representar o territorio de maneira fiable, sintética e esquemática. Grazas ós mapas somos capaces de comprender mellor os fenómenos que suceden na Terra. Por poñer un exemplo, sen os mapas sería moi complicado ter unha concepción aproximada do tamaño dos diferentes países do mundo. Pero ollo, os mapas non son unha representación exacta da realidade.

O obxectivo principal dos nosos talleres é impulsar a participación da mocidade galega na disciplina cartográfica. Deste xeito, perséguese mellorar o coñecemento e a interpretación do territorio ensinando a importancia que ten a Xeografía no mundo actual. Aproximándonos a realidade dos máis novos, tratamos de divulgar a ciencia xeográfica e espertar vocación de investigacións e estudo desta disciplina.

A imaxe do noso entorno a través dos mapas mentais

Unha das actividades principais do obradoiro consiste na realización, por parte dos alumnos e alumnas, dun mapa mental. Esta idea provén do urbanista e enxeñeiro Kevin Lynch, autor de The Image of the City (1960). Esta obra constituíu o comezo dun novo campo de investigación: o da xeografía da percepción e o comportamento. Na súa obra, Lynch trata de compoñer diferentes cidades a través das imaxes que se nos proxectan na nosa mente.

Para a realización do mapa mental, Lynch estableceu cinco elementos clave que, combinados, forman o espazo que queremos representar. Así pois, os estes compoñentes son os sendeiros -as canles polos que nos desprazamos-, bordes -as fronteiras perceptivas que existen entre dous lugares-, barrios -as diferentes seccións que conforman o espazo representado-, nodos -puntos de conexión que unen diferentes zonas do espazo-, e os fitos -elementos visibles no entorno que empregamos como referencia para orientarnos-.

De forma sinxela, nos obradoiros, alumnos e alumnas levan a cabo esta actividade, representando o espazo no que viven a través das súas percepcións e imaxes mentais. Resulta unha actividade moi interesante, xa que se fomenta a capacidade de síntese, a orientación e a creatividade dos mozas e mozas dun xeito divertido.

En base á primeira experiencia do proxecto, realizada no CPR Plurilingüe SEI San Narciso de Marín (Pontevedra), poidemos ver como a representación varía moito en función da distancia á que vivan do colexio. A distancia é unha variable fundamental, xa que condiciona de forma directa no medio de transporte que empregan para realizar o traxecto, e polo tanto, tamén na escala de detalle do mapa. A continuación podemos ver algúns exemplos que explican esto:

Para rematar con esta actividade, pídeselle aos alumnos e alumnas que identifiquen algún elemento ou parte do territorio no seu percorrido que non lles sea do seu agrado, ben sexa pola súa estética, abandono ou mal funcionamento e xestión. Unha vez o teñen identificado, explican o por qué o seleccionaron e que alternativa propoñen para solucionar a problemática. Esta pequena parte do exercicio serve para contarlles a importancia do papel do xeógrafo na Ordenación do Territorio, así como o traballo que realiza á hora de identificar e analizar situacións desfavorables para a poboación, e propoñer solucións que logo poderán realizar os responsables de xestión espacial.

A cartografía nos videoxogos: outra forma de representar a realidade (virtual)

Os mapas non só nos serven para obter unha representación simplificada da realidade e do espazo físico que nos rodea. Nesta liña, os mapas tamén poden configurarse como representacións de mundos virtuais coma nos videoxogos. Cando estamos xogando e queremos tomar unha decisión que implica un desprazamento, empregamos o mapa, polo que estamos a facer un pequeno análise espacial. Deste xeito, interpretando o mapa realizaremos os movementos polo videoxogo en función do obxectivo ou dos intereses.

Existen numerosos exemplos de videoxogos no que o mapa é fundamental. Dende prácticamente a súa orixe xa existían videoxogos onde o mapa xoga un papel completamente relevante, como poden ser Pokémon, The Legend of Zelda, Grand Theft Auto, Call of Duty etc. Na actualidad, co boom dos videoxogos estilo Battle Royal, o mapa cobra todavía máis protagonismo. Un exemplo claro é Fortnite, un dos xogos máis populares entre os adolescentes hoxe en día. O obxectivo deste xogo e quedar o primeiro de entre 100 xogadores, nun enorme mapa que a medida que vai avanzando a partida se vai volvendo máis pequeno. Cada xogador comeza sen ningún tipo de recurso, que deberá atopar en distintas zonas do mapa, nas que unhas zonas son máis ricas e outras máis pobres en estos. Así mesmo, as zonas con maior recompensa serán tamén as mais solicitadas, polo que o número de rivais será maior. Desta maneira, temos que tomar unha decisión que discorre entre dúas variables: os recursos dunha zona e a cantidade de inimigos que podemos encontrarnos. A medida que avanza a partida, van quedando menos xogadores e o xogo marcará un punto concreto cada vez máis pequeno, onde estos se deben atopar para loitar. Se non eres capaz de interpretar o mapa e chegar a zona sinalada, quedarás eliminado. En resumo, dun xeito moi simplificado, os xogadores a demáis de loitar teñen que facer un pequeno exercicio de fotointerpretación para poder gañar.

Este é un exemplo claro que empregamos nos nosos obradoiros. A recepción do alumado é sempre moi positiva, o que nos confirma que a conexión entre videoxogos e cartografía pode ser unha ferramenta moi útil de cara a que os alumnos e alumnas adquiran os coñecementos impartidos.

A importancia das novas tecnoloxías na xeografía

É unha realidade que cada vez máis as novas tecnoloxías son fundamentais para o día a día das persoas. Na actualidade, estas configuran en boa medida a sociedade actual e o mundo globalizado no que vivimos. Deste xeito, todas as disciplinas foron evolucionando e mellorando grazas a tecnoloxía, pasando de empregar instrumentos físicos para desenvolver as súas prácticas, a empregar instrumentos dixitais.

Un claro exemplo desta evolución é a cartografía, onde actualmente na maioría de situacións un mapa en físico queda completamente obsoleto, e os xeógrafos e xeografas empregan os medios dixitais para a realización do seu traballo. Nos obradoiros de Mapas Divertidos, ensinamos algúns exemplos de como actualmente se poden realizar mapas dinámicos, que poden ter animacións ou incluso estar en 3D en función da variable que queiramos representar no territorio. Clicando neste enlace, podemos ver algúns exemplos explicados durante as nosas actividades.

Así pois, ensinamos tamén aos alumnos e alumnas a importancia que teñen os xeógrafos/as nesta nova cartografía, como expertos nos Sistemas de Información Xeográfica (SIX), unha das ramas da xeografía con maior demandada na actualidade, e das que máis futuro ten polo que pode evolucionar. Para que ós rapaces e rapazas lles resulte familiar este tema, poñemos como exemplo a tendencia actual do uso de dispositivos GPS na vida diaria, como poden ser Google Maps ou TomTom.

Deixar un comentario

Design a site like this with WordPress.com
Primeiros pasos